Logo

UNHA VIDA EN PROL DA LOITA

Letras que fan mención Á PAISAXE, describíndoa, ou valorando elementos propios da mesma que chegan, a maioría das veces, a humanizala. As letras refírense preferentemente a vilas e cidades concretas da xeografía galega, pode que sen pretendida saudade, simplemente admirando e reivindicando a súa beleza e os seus valores propios (se ben o recendo a morriña queda no aire):


AUTOR: Abuín de Tembra, Avelino _________________________________________________________________________


CANTIGA ALUARADA
(Disco: Santiago, mar de pedra)


Polo Hórreo baixan
Dúas gaivotas.
Estoupidos xeados
Levan na boca.

Bonavel é unha teima
De agullas rotas.

Pola Senra devecen
Píntigas mouras.
Estorniños louseños
Abren a roita.

Bonaval é unha teima
De agullas rotas.
Pola Porta Faxeira
Troulan as rulas.
Os bufardos espreitan
Lucenzas túzaras.

Bonaval é unha teima
De irtas agullas.

Compostela bremante,
De mol enruga.
Tres paxaros e un verme
Falan na rúa.

Bonaval é unha teima
De irtas agullas


CANTIGA DE SAN PAIO
(Disco: Santiago, mar de pedra)


San Paio de Antealtares
Ten un valado florido.
Nos amenceres é un mastro.
Nos solpores, un navío,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Anda un rechán vagantío,
Onde baila un cataventos
A salmodia dos benitos,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Fixo estaribel de liño,
Por enguedellar salaios
De noivados e martirios,
Na Quintana dos Mortos
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Cingue tellados de vidro.
Polo día, flor de sangue.
Pola noite, flor de trigo,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Come un relouco de xílgaros,
Cereixas de volvoretas,
Cascudas de mouros fígados,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Navega por mares ríspidos.
Brilla unha estrela nas augas
De ronseis laberínticos,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares,
Estouro descolorido.
A Berenguela é señora.
San Paio, doncel sumiso,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
¡foxe do alcume continuo!
San Paio de Antealtares
¡Retoma ó recendo antigo,
na Quintana dos Mortos,
na Quintana dos Vivos.

* *


AUTOR: Blanco Torres, Roberto ________________________________________________________________________________

" Comentario: tamén letras nas que se enxalzan elementos concretos da natureza, a modo temático:

O JUNCO
(Disco: Cousas da lúa)


O junco estéril campea
na riveira da lagoa;
finca na lama as raíces,
n'unha mísera laboura.

Tírao para baijo a terra,
e il na terra se acomoda.
O seu leito mol é o fango;
se pode voar non voa.

Na febleza milenaria
d'un pulo que nunca estoupa,
foi caíndo na abyeución
que o gusto do limo adoita.

¡Aínda do junco sinxela,
que un fado vil condenouna!
Esmorecida na lama
¡se quere voar non voa!

* *


AUTOR: Cabana, Darío Xohán _________________________________________________________________________________

TERRA CHA
(Discos: Nin rosmar un laído/ Lembranzas)


Terra Cha que vas ao lonxe
antre petoutos esguíos
que ledicia Terra Cha
a dos teus longos camiños.

Que ledicia o vento do Norde
que riza as augas do río
que ledicia os catro ventos
feitos de anchos remuíños.

E vos fragas bravas, puras
e vos toxales amigos
e vos brancas abedoeiras
todos eternos amigos...

Terra Cha de longo ceo
Terra Cha de longos ríos
Terra Cha de longos vrans
Terra Cha de longos fríos.

Longa Terra Cha de ventos
Longa Terra Cha de ríos
¡Forte e brava, Terra Cha
ledicia do vello Miño!

Terra Cha de longo ceo
Terra Cha de longos ríos
Terra Cha de longos vrans
Terra Cha de longos fríos.

* *


AUTOR: Ferreiro, Celso Emilio ________________________________________________________________________________

COMPOSTELA
(Disco: Santiago, mar de pedra)


Santiago, mar de pedra
Estremecida de vento.
Na canle moura da rúa
Quedou varado o silencio.

A maina choiva miúda
Mente, sobre o chan, espellos.
Santiago: mar de pedra,
- froles i escumas de séculos -

con cen torres coma proas
ancoradas no meu peito,
i un río albeiro de estrelas
que ven correndo do ceo.

Santiago: mar de pedra
Navigada polo Tempo.


BANDE
(Pra Alfonso Santalices, meu vello amigo)
(Discos: Celso E. Ferreiro na voz de Suso Vaamonde/ Lembranzas)


Alá enriba está Bande
coma unha estampa antiga
dibuxada no aire.

Pendurada do vento,
Bande das verdes corgas
cinguidas de silencio.

A maina primavera
alcende fogueiradas
de froles amarelas.

Altas terras da Limia
dos outonos dourados
e das chousas sombrizas.

Nas encostas da serra
branquexan os xestedos
coma río de néboa.

Nos camiños do Vieiro
onde o corisco funga
ten o seu pazo o inverno.

Vila noble e labrega,
das touzas avesías
i as paisaxes esgrevias.

Alá embaixo, entre seixos,
pasa o río cantando
unha canción de arrieiro.

Adeus, voume alonxando,
anque por fora ledo,
por dentro vou chorando.

Quen poidera mirarte
dende o cume do outeiro
Santa Comba de Bande.


" Comentario: No seguinte poema, a loanza vai dirixida ós productos típicos, neste caso o viño dunha determinada zona:


CANTIGA DE RIBADAVIA
(Disco: Celso E. Ferreiro na voz de Suso Vaamonde)


Iréi a Ribadavia
cos merlos do mencer.
Chegaréi todo ledo
unha mañá de mel.
Por beber, comadre,
por beber.

Iréi a Ribadavia
pola vía do tren.
Na boca unha cantiga,
na orella un caravel.
Por beber, comadre,
por beber.

Miraréi o castelo,
falaréi con Rubén.
Os ríos alá embaixo
pasando con lecer.
Por beber, comadre,
por beber.

Polas rúas da vila
anda un vento segrel.
O que marmura o vento
non o sabe ninguén.
por beber, comadre,
por beber.

Outas torres de lúa,
tellados de prixel.
Anduriñas tecendo
no solpor un ronsel.
Por beber, comadre,
por beber.

Por beber do bon viño
á mocedá voltéi.
No corazón, comadre,
nacéume un axouxer
Por beber comadre,
por beber.