Logo

UNHA VIDA EN PROL DA LOITA

Suso Vaamonde foi definido de moi diferentes formas, mais cunha serie de valores comúns a quen del fale: o seu compromiso con Galicia, co seu idioma e coa súa cultura. Destácase a súa valentía á hora de loitar coa verba nun tempo e nunha terra chea de covardes e caciques, co fin de levantar conciencias e rematar coas inxustizas (motivo que, como dixemos, o levaría ó cárcere). Por poñer un exemplo, o Bloque Nacionalista Galego coma mostra de condolencia expresou a importancia do cantautor no tocante ó seu compromiso político e activismo cultural, destacando que, sen a súa obra, o proceso de recuperación da dignidade galega sería impensable.

Os que o coñecían máis de preto resaltaban o feito de ofrecerse alí onde fixera falla protestar, sen colgarse medallas nin esixir "caché" (incluso se di del que escondeu galegos perseguidos en épocas escuras). Non pode negarse que foi constante e perseverante na súa loita, co que a sensación entre a elite cultural galega, foi de que Galicia quedou coxa, tras a morte dun loitador que dicía a berros verdades que non se querían oír, dun artista popular, un xograr nacionalista, un obreiro solidario e antiimperialista,... e moito máis. Veremos algunhas das opinións que espertou a súa morte en palabras dos propios protagonistas:

" Lois Pérez Castrillo, ex alcalde da cidade de Vigo: "Persoa consecuente co pensamento que utilizou a canción coma forma de loita contra a opresión e a defensa das liberdades", destacando "o seu profundo amor pola terra galega e a súa lingua".

" Bibiano Morón, ex membro de Voces Ceibes: "Suso foi automarxinándose pouco a pouco, sendo o máis rebelde de todos (...) el era un radical (...). Direi que somentes morren aqueles que non deixan semente (...). Fundamentalmente tivo dous méritos. O primeiro, coordenar o fenómeno da canción urbana, tabernaria (...). O segundo, que era un cabezudo, un rebelde que non deu o brazo a torcer. Un dos que preconizaba, aínda que non o dixera, que máis vale morrer de pé que vivir axeonllado".

" Xerardo Moscoso, ex membro de Voces Ceibes: "Seguiu sendo ata o final, un tipo que non buscou a fama e o protagonismo coas súas cancións, e que seguiu utilizando a música para reivindicar unha lingua e un pobo humillado. (...) Xove rebelde cunha canción agresiva (...). Tanto el coma min pagamos o prezo de ser congruentes coas nosas cancións e coa nosa maneira de pensar".

" Bernardino Graña, escritor galego: "Un artista fundamental, un loitador e un gran resistente, que aportou unha renovación á canción infantil. Vencellou a literatura co pobo." Tamén "Un patriota, un galego no máis amplo sentido da palabra, que soubo conectar co pobo a través da poesía e a música".

" Antón Reixa, músico, escritor e director de cine galego: "Foi un pioneiro da canción en galego en momentos difíciles, e lle debemos respecto e admiración por eso. Por outra banda, o que lle pasou a Suso expresa as contradiccións que se viviron durante a transición democrática, época na que foi perseguido pola letra dunha canción".

" Manuel María, escritor galego: "Persoa máis representativa na historia da música do país. Cubriu máis de 30 anos da nosa canción e ata o de agora non houbo ninguén coma el. Foi un loitador incansable por prestixia- la cultura galega".

" Bieito Romero, compoñente de Luar na Lubre: "Figura clave para explica- lo auxe actual da música galega, que nunca foi recoñecido como se merece".

" Carlos Núñez, músico galego: "A súa canción de compromiso sintonizaba coa loita dos traballadores dos pobos deste país pola liberdade e democracia".

" Pilocha, cantante galega: "Gran loitador que defendeu o seu ideario ata o final. Valedor como poucos da cultura galega fixo ademais unha laboura de futuro ó adaptar poemas adicados a un público infantil".

" Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor galego: "Fixo moito pola poesía ó botar man de textos moi interesantes, tanto infantís como da lírica moderna. É unha voz que sempre estivo presente, a máis persistente de aquela xeración". Tamén que "Cando rompa a cantar o cuco (...) moitos ollos en Galicia se humedecerán. Séxalle leve a terra ao amigo infortunado".