Logo

UNHA VIDA EN PROL DA LOITA

Letras que INSTAN Á LOITA E Ó LEVANTAMENTO DO POBO GALEGO contra os seus males, contra o opresor, mais tamén en defensa dos seus valores, como pode ser a lingua. Tamén demostran a vontade persoal de erguerse co fin de cambiar a situación de terra asoballada. Encadramos neste apartado:

* *


AUTOR: Blanco Torres, Roberto _____________________________________________________________________________

" Comentario: No seguinte poema, pídese máis loita e menos paisaxismo:

A TERRA SIN ESPRITO
(Disco: Cousas da lúa)

Non mais cantos á paisage.
Non mais gabanzas á Terra:
o que a Natureza dounos
non é premio, que é ofrenda.
Para ter dereito á ufanía
hai que plantar algo n-ela.

 

A VERDADE
(Disco: Cousas da lúa)

Foi un esgrevio educador cubano
o que dixo istas verbas sugerentes,
amor dos homes ó progreso humano,
roita de luz nos pobos decadentes.

Arela viva do saber que esplora,
visión profunda do vital destiño
da humanidade que onte, hoje, agora,
busca sin folgo a luz no seu camiño.

Diante da probe Hespaña que hoje toco
-inerte ou vil, pois co ludibrio carga-
isas verbas geniás que agora evoco
c-unha saudade cósmica i-amarga,

eu grabaríaas c-un troquel ardente,
como fito da redenzón querida,
de cada cibdadán na oscura mente,
-sagro tesouro- para o ben nacida.

¡Verdá, verdá, da liberdá meliza,
sublime airón, enseña lumiosa!
¡Cando todo no entorno se esnaquiza,
izala ó cume é unha misión groriosa!


" Comentario: O cabalo e o loitador son dous elementos vitais para gañar a batalla, como se destaca nos dous poemas seguintes:

MEUS CABALOS
(Disco: Cousas da lúa)

Ó trote, ó trote, cabalos,
meus cabalos ardesíos;
ó trote pol- a encañada,
pol- os curutos altivos,
ó trote pol- a encañada,
pol- as taciturnas gándaras.

Ó trote, ó trote, que zoa
por cómaros e valgadas,
no vento que leva fogo
fundindo o eco nas almas,
o clarín dos adalides
convocando para batalla.

Ó trote, ó trote, voade,
meus cabalos ardesíos,
ideas transfiguradas
en aéreos hipogrifos.
Ó trote, ó trote, voade,
meus cabalos ardesíos.

A galope, meus cabalos,
os de com'o vento brío.
A galope, que ja ondeam
alá nos cumes esquivos
os críns alados de lume
dos meus cabalos invictos.

 

LOITADOR
(Disco: Cousas da lúa)

¡Loitador, non te deteñas!
Ten cada hora novo alento,
sigue a luz que te aloumiña,
mira a cotío pr'ó ceo.

Ún lado e outro do camiño
toparás pinchos e rebos,
e da estulticia e a enveja
ladraránche os cans famentos.

Loitador, non te deteñas!
¡Levas a verdá no peito,
e a estrela que te guía
ten resplandores eternos!

* *


AUTOR: Bouza Brey, Fermín
_______________________________________________________________________________

ULTREIA
(Discos: Regodobargo/Lembranzas)

A balandra dos ultreia
leva os corazóns por vela
navega cara o futuro
toda Galicia vai nela.

Toda Galicia vai nela
prensa do meu corazón
os mares forman triskeles
en cada constelación.

En cada constelación
oise cantar unha estrela
velai ven a fror das naos
toda Galicia con ela.

* *


AUTOR: Brañas, Alfredo ___________________________________________________________________________________

" Comentario: O mito e valentía das raíces celtas:

DEUS FRATRESQUE GALLAECIA
(Discos: Regodobargo/ Lembranzas)

Caste dos celtas esperta axiña
ergue do fango da escravitú
Patria da ialma teus ceibes cantos
enchan o mundo de norte a sur.

Das costas bravas, do Finisterre
hastra as douradas veiras do Sil,
ruxan os ventos de loita e morte
contra os tiranos de meu país.

Dos meus pasados, bendita terra,
nai adourada da miña nai
creva as cadeas que te asoballan
e cingue a croa da liberá.

Cantai galegos o himno xigante
dos pobos ceibes dos pobos grandes
cantai galegos a idea santa
da independencia da nosa Patria.

* *


AUTOR: Cabana, Darío Xohán _____________________________________________________________________________

" Comentario: Nesta ocasión, a mensaxe de loita escóndese detrás da tenra relación avó- neto. Notemos a metáfora lume- historia de Galicia, co que se chama á acción para impedir que morra a chama:

O VELLO E O NENO
(Disco: Limiar)

O vello toconea
ó carón da fogueira.
O vello toconea
no escano da lareira.

O vento desatado
peta forte nas lousas.
O vento desatado
peta en tódalas cousas.

O lume de carballo
ronxe na chaminea.
O lume de carballo
érguese e charetea.

O carón del, o vello
toconea lembranzas.
O carón del, o vello
ten mortas as espranzas.

O neno está mirando
cómo o vello adormece.
O neno está mirando
os enseños que tece.

Nun intre, o vento aceso
con máis potencia crúa.
Nun intre, o vento aceso
na chaminea brúa.

A lapa da fogueira
faise algo máis cansiña.
A lapa da fogueira
parece ir morrer axiña.

Entón, o vello fala
e di o seu consello.
Entón, o vello fala
e o neno escoita ó vello.

Non deixes que se apague
o lume do fogar.
Non deixes que se apague,
pois hai leña no unllar.
Non deixes que se apague,
que nos imos xear.
Non deixes que se apague
o lume do fogar.

* *


AUTOR: Cabanillas, Ramón ________________________________________________________________________________

 

SARAIBIÑAS
(Disco: Limiar)

¡Alma rexional e ardente
canta anque che coste bágoas!
¡Teus cantares son semente!

¡Hastra os ladrós enxorden,
antre as "saraibas" que bican
pón as que firen e morden!

Está cativa a roseira,
mais, dimpóis de tanto inverno...
Suevia ha de ter primaveira!

¡Xa sei, xa sei que fan falla
moitas fouces, moitos mistos
e moitos feixes de palla!

Axiña esperta Galicia
que xa se cuspe ós caciques
e fai ruxir a inxusticia!

¡Xa o novo día aluméa!
¡Xa a Sociedá dos labregos
ten chouza propia na ladea!

A noite é fría i escura
pro ó fin, o amañescer
trainos co sol a quentura!

¡Patriano, o meu rogo escoita!
¡Eu quero un posto á túa veira
no roxo día da loita!


" Comentario: A mensaxe en prol do levantamento maniféstase, no seguinte poema, nos símbolos que rodean o apóstolo Santiago, que se erguen na busca da liberación galega:

ROMANCE DA FREBE
(Disco: Santiago, mar de pedra)

Nos labrados do Obradoiro
Hai soños á madurar.
O ferro frorece. Os santos
De pedra rompen a andar.

Greas de vivos e mortos
Chamadas de un mesmo afán,
Dos catro rumbos da Terra
Saien a pelegrinar.

Levan por diante unha estrela,
Sant Iago por Capitán.
Sobre o Pazo de Raxoi
Voa a pomba de Grial

E ó longo dos corredores
Ollos que miran pasar
Capas albas da raíña,
Púrpuras de cardeal.

Nas cadeiras dos estrados
Érguense, a xuramentar,
Vellos escanos que portan
Núas espadas na man.

Voces das montañas outas,
Balbordos da beiramar.
Batelar da Terra ceibe
Nos sinos composteláns.

* *


AUTOR: Curros Enríquez, Manuel ___________________________________________________________________________

" Comentario: No seguinte poema, o campo semántico do mar representa, a nivel metafórico, pretexto e contexto para a loita en prol da Patria:

EN CORSO
(Discos: Loitando/Regodobargo/ Lembranzas)

Mariñeiros da Marola
de Illas Cíes e de Orzán
remendade ben as velas,
daille sebo ás cordas xa;
reparade as vellas redes,
os coitelos afiái
i apresentaivos, mariñeiros,
pola patria a mariñar.

Dende o norde americano
chega a España occidental,
de ignonimias e aldraxes
unha moura tempestad,

e nas olas que levanta
i en Galicia van parar,
cuspos flotan de desprecio
para vos e vosa nai!

Mariñeiros da Marola
de Illas Cies e do Orzán,
non seredes mariñeiros
si temedes hoxe o mar,
unha forca en cada verga,
na cintura un bon puñal,
no temón un brazo forte
¡ a bogar, bogar, bogar...

Mariñeiros da Marola,
de Illas Cies e do Orzán,
grande pesca vos agarda
si sabedes ben pescar,
unha lancha de centolas
vinte e cinco pesos val,
un cargamento de iankes
valvos... a inmortaldá!

* *


AUTOR: Ferreira, Isaac ____________________________________________________________________________________

" Comentario: Un canto en prol das xentes sometidas que loitan para seguir adiante:

LOITANDO
(Discos: Loitando/As palabras dos galegos)

Perciso de cantarlle
a ista Terra esquencida
a isa xente abafada
que ten de avantar.

Loitando cara a terra,
loitando cara o mar.

Xente rexa e calada,
que traballa co gando
e coa grade e coa rede
que vai navegar.

Loitando cara a terra,
loitando cara o mar.

A isa xente que morre
lonxe da nosa Terra
a isa xente cun día
ollaremos voltar.

Loitando cara a terra,
loitando cara o mar.

A isa Terra inmorrente
a pesares do sangue
que até Europa i América
corre a emigrar.

Loitando cara a terra,
loitando cara o mar.

Silente permanezo
ergueito, eiquí agardando
en calisquera intre
sentiros despertar.

Loitando cara a terra,
loitando cara o mar.

* *


AUTOR: Ferreiro, Celso Emilio _____________________________________________________________________________

" Comentario: un canto á irmandade en prol da loita conxunta entre galegos de dentro e fóra da Galicia:

ESPRANZA
(Disco: Celso E. Ferreiro na voz de Suso Vaamonde)

Erguerémola espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes
na libertá creemos.
Viva, viva, decimos
aos que están no desterro
e soñan cun abrente
de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!

" Comentario: A chamada desesperada en prol da salvación de Galicia:

LIMIAR
(Discos: Limiar/ Celso E. Ferreiro na voz de Suso Vaamonde)

A xeito de S.O.S.
falo na madrugada;
Pechai tódalas portas
e que xa ninguén saia.

Sin a seiva nutricia
esmorecen as gallas.
Arbre antigo, Galicia,
fendérono as machadas.
Unha ponla no mundo,
outra ponla na casa,
a ponla do alén mar
é soio unha metáfora.
O pobo quere terra
coma Anteo na fábula.
A terra quere pobo
para ser fecundada.
Nunca virá de fora
remedio ou esperanza.
Si o noso pobo morre
quedámonos sin patria,
pois patria e pobo son
o mesmo en duas palabras.
Pechai todalas portas
e que xa ninguén saia.

" Comentario: Mentres haxa loita, haberá liberdade:

SPRITOAL
(Disco: Loitando)

Cicais mañá
cando a miña mirada
non abrolle na luz
como cativa mapoula de auga,
veña a soedade.

Pero hoxe canto en libertá
e mentras canto
non estou isolado,
que o corazón vai comigo
e con il falo.

Beberei a paisaxe
nun amencer de lirios.
As campanas do mar
nos ventos fuxidíos.

Cada intre un paxaro,
cada pulso un latexo.
Unha espada de chuvia
cortando a frol do vento.

Nin as olladas torvas,
nin os beizos esquivos,
nin as voces nemigas
nin os homes cativos.

Vivirei coma o lume
alcendido na noite.
Terei cumios de estrelas,
cantarei para os homes.

Estou comigo mesmo.
O corazón é quen manda,
i eu obedezo.


" Comentario: De seguido, unha das letras preferentes nos directos de Suso Vaamonde, e moi aplaudida polo seu público. A metáfora opresor- lobo sérvelle ó cantautor para reivindicar a loita do pobo galego oprimido (lembremos a vinculación deste animal con Galicia, xa presente nos libros de Ánxel Fole):

DERRADEIRA VONTADE DE FUCO BUXÁN
(Discos: Loitando/ Nin rosmar un laído)

Detrás de cada home
está oubeando un lobo.
Un lobo que te come
e ten comesto ó pobo.
Canto pode sofrirse
telo xa ben sofrido
pro non hai que abatirse
nin darse por vencido.

Canto pode chorarse,
telo xa ben chorado
pro non hai que calarse,
nin sentirse abafado.

Canto pode perderse,
telo xa ben perdido.
Pro non hai que doerse
nin rosmar un laído.

Podes todo ganalo
si despertas e loitas.
Co corazón che falo
galego que me escoitas.

A túa hora é esta:
colle a fouce, meu pobo
ergue a testa, protesta,
e dempóis mata o lobo.


" Comentario: A traxectoria musical e obxectivos do cantautor poden resumirse no seguinte poema:

O DEDO NA CHAGA
(Discos: Loitando/As palabras dos galegos)

Estas palabras que digo
abróllanme dende o fondo
pois eu enxamais escondo
a canción que vai conmigo.

Cos meus cantares consigo
ser como o vento lixeiro
ninguén me marca o sendeiro
ninguén me dicta a canción
teño limpo o corazón
pra cantar ceibe e senlleiro.

Meu canto rudo e sinceiro
co badoco non se avén
desprecio a todo o que ten
alma servil de logreiro
sen outro Deus que o diñeiro.

Meu canto a ninguén falaga
ninguén por cantar me paga
soio o pobo meu irmán
aplaude o meu canto chan
se poño o dedo na chaga.

* *

 

AUTOR: Fraga, Xosé ______________________________________________________________________________________

" Comentario: Unha reivindicación concreta no seguinte poema:

CARBALLEIRA DE SAN XUSTO
(Disco: As palabras dos galegos)

Carballeira de San Xusto
¡canto nos custa quererte!
pro xa ves con canto gusto
loitamos por defenderte.

Que o único dono
ten que selo pobo.

Que te rouben non deixamos
para dempois negociarte
pra ti non queremos amos
nin de todo, nin de parte.

Que o único dono
ten que selo pobo.

Carballeira de enramada
cal Lixó que está espida
chegarás ti a non ser nada
pola igrexa consumida.

Que o único dono
ten que selo pobo.

Pra gardarte carballeira
de San Xusto a ben loubada
busca que busca buscando
xa topei miña navalla.

Que o único dono
ten que selo pobo.

Mais pregámoslle os santiños
que nos libren de empregala
poñerse a querer canalla
e pensar que nos fai falla.

* *


AUTOR: Lamas Carvajal, Valentín ___________________________________________________________________________

" Comentario: Neste caso, a rebelión pídeselle ós emigrantes:

TERRA
(Discos: Nin rosmar un laído/Lembranzas)

Sol que alumea as treboas
dos fondos sofrimentos
voz que doutros espacios
nos ven eiquí a falar.

Na múseca dos soutos
no sospirar dos ventos
no marmurar dos ríos
e no muxir do mar.

Por eso en longas terras
de coitas e de dores
os fillos de Galicia
morrendo tristes van.

Tomade acó emigrantes
voltade a vosa terra
que a nosa Patria berra
hai tanto que arranxar.

Facer ao escravo libre
votar da casa a fame
que o que traballa gane
que todos teñan pan.

Que o trigo encha as artesas
que fuxan os doores
que non haxa señores
que veña a libertá.

Quen dixo que era probe
a rica Terra nosa
quen dixo que saudosa
quen tanta crueldá.

A nosa Terra é nosa
a nosa espranza é nosa
compre facer xusticia
xa é hora de falar.

Galicia nome santo
que dixen con ledicia
de neno e que hoxe lembro
co lume da pasión.

Cando morrer eu vaia
o nome de Galicia
direino misturado
co nome do meu Dios.

* *


AUTOR: Manuel María
____________________________________________________________________________________

" Comentario: De seguido, un canto en prol da lingua, común no repertorio de Suso Vaamonde:

CANTIGA DA NOITE
(Disco: Regodobargo)

Da noxo ollar os galegos
que renegan da súa fala
¡Somentes por ser a nosa
temos deber de falala!

A falar, a falar
En galego imos falar.

Moitos vanse de Galicia
que eiquí non poden vivir
e triste o noso destino
¡Sofrir, sofrir e sofrir!

O ideal dos burgueses
todo, todo está ben feito
si proporciona intereses
e se lle saca proveito.

En Galicia as cousas van
cada vez moito peor
non se sabe decir "non"
sempre se di "si señor".

Deixamos morrer a fala
esquecemos o pasado
"e hai quen di que Galicia
moito leva progresado!"

Dicen que tal e que coal
que si saudade e morriña
¡E si Galicia iba mal
sigue moi mal a probiña!

O que nos diga que temos
que ter paciencia e calar
¡Ou e que xa manda en nos
ou e que pensa en mandar!

* *


AUTOR: Méndez Ferrín, Xosé Luís ___________________________________________________________________________

" Comentario: A maxia do seguinte poema recae na visión dun soño dunha Galicia liberada, un soño que se lle escorre ó autor entre as mans, porque non hai quen loite por ela:

NINGUÉN
(Discos: Limiar/ Lembranzas)

Terra de proseguir e non dar nada
despaciosa Galicia que nos levas
acochados en ti lento veleño.
Que pos nos ollos unha cousa verde
lingoa que me enche a boca enteiramente
e como un río interno me asulaga.
Quero decir teu nome e digo apenas
xentes de terra homes lentamente
un por un devecendo e sendo nada.
Galicia como un rio que se estiña
terra de esmorecer patria do vento
quero decir teu nome e digo dorna
veleira mergullada dorna negra
grande arado sen bois feiras sin xente
noite que ven enorme noite fría.
Quixera alzar meu canto como un puño
e por na miña voz teu nome ergueito
pero non hai ninguén para escoitarme.

* *


AUTOR: Millán Picouto ____________________________________________________________________________________

" Comentario: De novo a lingua como tema central para rebelarse en contra do Estado opresor:

AS PALABRAS DOS GALEGOS
(Disco: As palabras dos galegos)

As palabras dos galegos
que no berce ouvín soar
son aladas como o vento
e profundas como o mar.

Terra, luz, carballo, chúvia,
eira, sulco, eixada, mao,
souto, lúa, vento, moucho,
praia, lóstrego, peirao.

Lévoas todas baixo a língua
porque a miña língua son,
língua que ergo en pensamento
e mergullo en corazón.

Certos lúrpios, por ser ela
guarda fiel de todo o meu,
hoxe queren afastarme
desta língua que son eu.

Hoxe queren silenciarma
os moi túzaros. Mañá
por enriba dos seus ombros
outro galo cantará.

Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

Ben eu sei que tal Estado
non é máis que un monstro vil
que me rillará, se o deixo,
cada óso e cada ril.

Mais en médio do desmando,
até a língua me arrancar,
brotarei por cada poro
novecentas a leriar.

Alfabeto en avalancha
contra a lei e contra aquel
que o falar me fan difícil
e o vivir me fan de fel.

Con fusís e con xulgados
moi potentes eles son,
mais non poden contra a forza
das palabras en acción.

* *

AUTOR: Noriega Varela, Antonio ___________________________________________________________________________

" Comentario: Un canto personalizado co fin de que o galego esperte e deixe de soportar a opresión:

MÁIS CORAXE
(Disco: As palabras dos galegos)


Xan Peisano boi pousón
máis coraxe e menos calma
non sexas corpo sin calma
nin home sin corazón.

Si en que merecer che dan
si o infortunio che dobrega
é porque fas como o can
que aloumiña a quen lle pega.

Ten sempre un xarolo a man
para abatir a quen che sobra
e non remedes a cobra
nin te arrastres polo chan.

Rebólate sin rebozo
que soio porque ti ques
che esfola o xugo o pescozo
e levas grillóns nos pes.

* *


AUTOR: Novoneyra, Uxío
___________________________________________________________________________________

" Comentario: A opresión debe ser combatida dende tódolos sectores da sociedade galega unidos:

LETANIA DE GALICIA
(Disco: Limiar)


GALICIA digo eu ún di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
hast'os que calan din GALICIA
e saben sabemos

GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza
GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza.

Ceibe pra servir
ceibe pra non ser
ceibe pra morrer
ceibe pra fuxir.

GALICIA labrega
GALICIA mariñeira
GALICIA obreira
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

recóllote da terra estás mui fonda
recóllote do povo estás mil toda
recóllote da istoria estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o povo
recóllote pros novos que vein con
forza
pros que inda non marcou'a malla
d'argola
pros que saben que ti podes ser
outra cousa
pros que saben que o home pode
ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra
cousa
sabemos que o home pode ser outra
cousa.

* *


AUTOR: Popular __________________________________________________________________________________________

" Comentario: Ademais de instar ó pobo a falar na súa lingua, denúnciase o galego coma moda que vende66, tal e como pasou nunha determinada época e incluso aínda hoxe:

FALEMOS GALEGO
(Disco: As palabras dos galegos)

Sabedes que está de moda
entre vellos e yeyeses
a canción galega nova
que hasta cantan os ingleses.

Non estamos satisfeitos
da nosa fala natal
e rendímoslle homenaxe
no tempo do carnaval.

Xerardo, Vicente, Honorato e Miguel
cantades galego facedes moi ben
como xa fixeron os da vella ola
falemos galego na rúa e na escola.

Un recordo placenteiro
para Novas Amistades
que cantaron en galego
aló polas Baleares.

Non estamos moi de acordo
cos que cantan por ahí
a cantiga da Beiriña
no galego de Madrid.

Os Tamara alá moi lonxe
cántanlle ó Santiaguiño
e dinlle ós casteláns
que ten forza o galeguiño.

O galego non é novo
que é máis vello que a requisa
pois xa o cantaban os cregos
cando inventaron a misa.

* *

 

AUTOR: Rodríguez López, Manuel ___________________________________________________________________________

" Comentario: Coma o mar, o campo vai simbolizar Galicia e, neste poema, serve de escusa para denunciar abusos e chamar ó levantamento popular por un tema aínda hoxe de actualidade:

OS LABREGOS
(Disco: Limiar)

Onde están os teus fillos? onde anda a mocedá?
qué facedes, meus vellos, nisa pecha soedá?

Fuxiron a outras terras en procuro de pan;
enxamáis ó seu pobo, quizaves, tornarán.
Traballaban, coitados, todas horas do día
na fogaxe do vrau e na crua invernía,
pra manterse de caldo, cachelos e touciño,
na lama e no trolleiro fozando do camiño.
Indo ben as estrelas, dá perdas o centeo;
que choven os trabucos, afogantes... arreo...

O intermediario paga os pitos i as patacas
a precios de miseria pra enchelas suas sacas
i o becerreiro gaña nunhas horas de trato
o que o noso labrego perde por moi barato.
Fican pra o monte as bouzas; cheus de toxolos soutos.
As ribeiras son acios, o lobo inza os picoutos.
Non hai xeito que darlle. Non se pode amañar;
por iso os nosos fillos tiveron que emigrar.
"Hai que industrializarse, esquecer xeitos vellos...
concentración de leiras, pinos..." Cántos consellos!
Estadística dice que no agro sobra xente
e que o vinte por cento quedará escasamente...

Fai anos que che abura o malfado, Galicia.
Trunfará, se non loitas, mil anos de inxusticia.
O gran señor das granxas, devanou moito o seso
e volve o feudalismo co mandil do progreso.

Se axiña non esganas o Sino caciqueiro
que che atenaza a ialma e choe teu vieiro,
irás esmorecendo cal triste fol sen vento,
ollando como alanca veloz teu pasamento.

* *


AUTOR: Vaamonde, Suso __________________________________________________________________________________

" Comentario: as escasas letras de autoría propia recollen a forza da protesta máis clara e directa. Fixémonos cómo reflicte exemplos de que só loitando se consegue o pretendido:

COPLAS DA EMPACADORA
(Disco: As palabras dos galegos)

Veciños tede cuidado
tede cuidado veciños
que non traigan eiquí
o que botaron de Vigo.

Que ben fixeron en Teis
que os botaron a patadas
eiquí non queirades merda
que a leven para súa casa.

Vilaboa fai o mismo
fai o mismo Vilaboa
todos xuntos botaredes
desta terra a empacadora.

Chamade ós de Seur
para que veñan a buscala
e a leven ó chalet
que en Perbes ten Manuel Fraga.

Si se loita se consigue
si se pelexa se gana
que ganaron en San Xusto
a carballeira enramada.

* *


AUTOR: Vázquez Pintor, Xosé _______________________________________________________________________________

" Comentario: A reivindicación coma canto á liberdade, que berran xa tódolos elementos da sociedade, como esperando que o home dea o paso decisivo:

CEIBE
(Disco: Regodobargo)

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Canta o paxaro no fondal da fraga.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Brúa o mar na marola cando pasa.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Oubea o lobo pola noite crara.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Aldraxa ao día o galo e muxe a vaca.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Anuncia o neno cando é neno... e cala.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Confesa o escravo que o seu amo manda.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Remoe o pobo a íntima palabra.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
Canta o paxaro no fondal da fraga.

¡Ceibe, ceibe, ceibe!
A miña vida probe, a miña casa.