Logo

UNHA VIDA EN PROL DA LOITA

 

Letras HOMENAXE A GALEGOS ILUSTRES, cun transfondo de inxustiza e de vingar os seus corpos mortos, reivindicar a súa traxectoria en prol dos intereses galegos e mesmo loalos. Encadramos as seguintes:

* *

 

AUTOR: Cabana, Darío Xohán ______________________________________________________________________________

" Comentario: O seguinte poema, de clara reivindicación directa, chegou a converterse en todo un símbolo de resistencia (vexamos, de novo a metáfora do lobo):

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO
(Disco: Nin rosmar un laído)

Compañeiro Daniel de vida innumerable
como os astros do ceo i os camiños do mar
na tenebrosa noite da patria inhabitable
témoste no recordo con mao á luz alba.
A ti falo Daniel morto lonxe da terra
es noso i a túa luz alumea a escuridá
que nos deixou a historia de tres anos de guerra
en que os lobos mataron a luz e libertá.

Compañeiro Daniel, as pistolas sonaban
i enloitaron cunetas con sangue loitador
as pistolas sonaban i os panbidos berraban
a terrible victoria do odio e do terror.
E ti fúcheste lonxe predicar no deserto
pra erguerdes un exército que endexamais loitou
e morriches un día sin veres entreaberto
o camiño da volta que a túa alma soñou.

Pro na Patria abatida e do pobo explotado
nacimos nós os fillos da morte e do tristén
percurando furiosos vinganza e novo Estado
i unha roxa alborada sin cabo nin comén.
I a ti bo compañeiro que o furacán aleibe
matou desesperado na outra banda do mar
prometémosche a terra dunha Galicia ceibe
pra enterra- los teus ósos onde teñen que estar.

* *


AUTOR: Díaz Jácome, Xosé ________________________________________________________________________________

" Comentario: o poeta chora a morte de Lorca a través de elementos paisaxísticos, conformando así a súa homenaxe:

GARCÍA LORCA EN COMPOSTELA
(Disco: Santiago, mar de pedra)


Chove en Santiago
Meu doce amor,
Camelia branca do ar,
Brila entebrecida ó sol.

Auga peneirada
Por anxos de néboa,
Cae feito vidro
Sobre Compostela.

¡Ai como resoa
no tambor das pedras!

A enloitada lúa
E as orfas estrelas
Choran mainamente
Sobre Compostela.

¡Ai, como nos doe
o son da súa queixa!

¿Quen desfolla o pranto
das outas camelias?
¡Quen espalla bágoas
sobre Compostela!

¡Ai, que tenro orballo
soñou o poeta!

* *


AUTOR: Ferreiro, Celso Emilio _____________________________________________________________________________

 

ROMANCE DE CEGO IN MEMORIAM
DE FEDERICO GARCÍA LORCA

(Discos: Celso E. Ferreiro na voz de
Suso Vaamonde/ Lembranzas)


¿ A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Viznar.

O dazanove de agosto
chegóu a morte a Viznar.
Entróu vestida de ialba,
pro a ialba nunca virá.

A noite envolta en farrapos
comezóu a disparar
relampos diante da ialba
pro a ialba nunca virá.

Levaron a Federico
camiño do máis alá.
Os galos ventan a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Cerrollos de aceiro frío
brilaron na escuridá.
Mentiron luces de ialba,
pro a ialba nunca virá.

Longo túnel de silencio
atravesóu a cidá.
Granada pedíu a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Murallas de pedra e sombra
coutaron a libertá.
O pobo recrama a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Sangue de estrada e cuneta,
pro a ialba nunca virá.
Berros de anguria e carraxe,
pro a ialba nunca virá.

¿A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Viznar,
dime que ialba virá,
dime que virá.

" Comentario: A homenaxe ó patriota traspasa fronteiras:

ANAINA PRA O CHE GUEVARA
(En "Homenaje al Che", España republicana, La Habana, núm. 687, 1970)
(Discos: Celso E. Ferreiro na voz de Suso Vaamonde/ Lembranzas)


O bravo cóndor andino
pergunta por seu irmán.

Triste yanqui zugapovos,
lurpio, voraz Tio Sam,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.

Torvo xeneral Barrientos,
fociño de lubicán,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.

Duro soldado sumido
nunha noite de alquitrán,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.

Manso aborixen que morres
sin defender o teu pan,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.

Sementárono no vento
cunha chaga en cada man,
mais as mapoulas do abrente
axiña frolecerán.

* *


AUTOR: Manuel María ____________________________________________________________________________________

" Comentario: Nos dous casos seguintes, a modo de relato histórico, lóanse colectividades que traballaron en prol da salvación da patria galega:

A REVOLUCIÓN IRMANDIÑA
(Disco: As palabras dos galegos)


Cando expiraba en Galicia
o periodo medieval
o povo fixo xusticia
en irmandá comunal.

Pois os nosos Irmandiños
co gran Roi Xordo por guia
sairon polos camiños
na busca dun novo dia.

Foi a Irmandade Galega
unha unidade do povo.
¡Foi a xusticia que chega
traguendo un sol puro e novo!

Baixo o mando de lanzós
ningún castelo quedou.
¡Galicia sin torreós
a si mesma se mandou!

E unha forza poderosa
e fe do povo mantiña.
¡Foi unha xeira groriosa
a da Revolta Irmandiña!

* *


AUTOR: Popular (arranxos de Suso Vaamonde) __________________________________________________________________

AS IRMANDADES DA FALA E ESTATUTO DE 1936
(Disco: As palabras dos galegos)


As Irmandades da Fala
contra o feroz centralismo
¡déronlle ó povo galego
un craro nacionalismo!

E despóis das Irmandades
esforzados galeguistas:
¡ganaron grandes batallas
fixeron grandes conquistas!

Bóveda e mais Castelao
foron os nosos guieiros
que levaron a Galicia
por galegos derroteiros.

Pero no ano trinta e seis
militares e fascistas,
¡asoballaron Galicia
con xeitos imperialistas!

¡Anularon o Estatuto
o povo foi masacrado,
Castelao morreu no exilio
Bóveda foi fusilado...!

Mais aquel probe Estatuto
non foi ningunha victoria:
¡só o comezo do principio
para endereitar a nosa Historia!


" Comentario: A letra orixinal foi escrita en castelán e non citaba ningún nome en concreto. Ó gravala, o cantautor engade distintos nomes co fin de renderlles homenaxe, con especial incidencia na última estrofa.

COMPAÑEIROS
(Disco: Loitando)


Eu conocín o crime unha mañán
Cor ten a miña magoa de sangue humán
Soio nubes e combo o presenciaron
Xiau Grimau irmán che asesiñaron.

Xa non nasce na terra
Ni un pensamento
Que non leve o teu nome
Do corpo dentro,
Da dor da miña terra nasce o meu canto
Cordas da miña guitarra
Sodes compañeiras do noso pranto.

Nacerá millo novo antre besana
A razón foi de novo pisoteada
Mais a pesar de todo sei que un día
Estarás entre nós como querias.

Eu conocín o crime unha mañán
Cor ten a miña magoa de sangue humán
Soio nubes e combo o presenciaron
Xiau Grimau irmá che asesiñaron.

Moncho Reboiras, irmán che asesiñaron.
Xosé Baena, irmán che asesiñaron
Salvador Puch, irmán che asesiñaron
Garmendia, meu irmán che asesiñaron
Otegui, meu irmán, che asesiñaron
Raimundo patiño, irmán che asesiñaron.