Logo

UNHA VIDA EN PROL DA LOITA

Abuín de Tembra, Avelino (Padrón, 1931).

Pseudónimo de Avelino Abuín González. Traballa coma correspondente en Lisboa durante catro anos. Unha vez en Compostela, é un dos fundadores do Pedrón de Ouro e os Xogos Florais Minerva para estudiantes do bacharelato, do que saen diferentes poetas hoxe recoñecidos. No 1971 pasa a ser secretario xeral do Padroado de Rosalía de Castro; no 1991 cofunda o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón e no 1998 funda a revista virtual Galicia Viva. Coma poeta, publica Camiños en 1961, Home ao pairo en 1974 e Roldas de Compostela en 1983, coa que consegue o premio Celso Emilio Ferreiro en Santiago de Compostela. Alén disto, publica un estudio biográfico sobre Rosalía de Castro en 1987, e un sen fin de artigos en xornais e medios audiovisuais. A súa poesía, segundo Méndez Ferrín, manifesta a anguria e a inquedanza existencial do autor, dominante na poesía moza dos anos 50.


Álvarez Blázquez, Emilio (Tui, 1919- Vigo, 1988).

Narrador, poeta e ensaísta da Xeración do 1936. Percorre coma conferenciante diferentes países latinoamericanos; impulsa a fundación da editorial galega Castrelos, xunto ós seus irmáns Xosé María e Álvaro; codirixe a colección Salnés, da editorial Galaxia, con Celso Emilio Ferreiro e Francisco Fernández del Riego; colabora en publicacións coma Galicia Emigrante, Aturuxo, Nordés ou Grial, asinando relatos, poemas e artigos, moitas veces baixo o pseudónimo Ronsel. Coma escritor en galego publica os poemarios Poetas de ti e de min (1949) e O tempo desancorado (1988). O Centro Galego de Bos Aires concédelle en 1964 o premio de Poesía Galega. Destáquese tamén o seu labor coma membro correspondente da Real Academia Galega dende 1957.


 

Álvarez Blázquez, Xosé María (Tui, 1919- 1985).

Poeta, narrador, arqueólogo e historiador. Érguese coma intelectual inquedo que loita pola súa terra e cultura. No 1933 ingresa na Federación de Mocedades Galeguistas; no 1936 entra a formar parte do Partido Galeguista; no 1950 funda a editorial Monterrey e, no 1952, Edicións Castrelos; no 1962 é elixido membro numerario da Real Academia Galega, logo de ser nomeado membro correspondente da mesma en 1949; no 1976 é nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo; e no 1977 entra a formar parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e recibe o Pedrón de Ouro. Cabe mencionar un discurso dado en 1934 con profunda mensaxe nacionalista: "Berro en lembranza dos herois de Carral". No seu labor coma escritor, publica poesía en galego, catalán e castelán, sendo no primeiro idioma onde acadará maior éxito e recoñecemento. En galego publica Poemas de ti e de min (1949); Roseira do teu mencer (1950); Cancioneiro de Monfero (1953); Romance do pescador peleriño (1954); e Canle Segredo (1976), obra de intensa emotividade e considerada a mellor de toda a súa traxectoria literaria.
 

 

Álvarez Torneiro, Manuel (A Coruña, 1932).

Poeta e xornalista. Figura destacada da Xeración das Festas Minervais, funda nos anos cincuenta o grupo poético Amencer. A maior parte da súa obra está escrita en galego, cun transfundo existencial e social-realista. A súa andaina literaria comeza en 1982 con Memoria dun silencio, obra á que seguen Fértil corpo do soño, de 1985; Restauración dos días, de 1986; As voces consagradas, de 1992; As doazóns do incendio, de 1993; e Luz de facer memoria, de 1998, e coa que conseguiu o premio Miguel González Garcés.
 

 

Amado Carballo (Pontevedra, 1901- 1927).

Aínda que tamén cultiva prosa narrativa: Mallare (1912) e Os Probes de deus (1925), esta última con toques de realismo e idealismo baixo un ton de humor, a súa curta vida caracterízase pola poesía, recollida en dúas obras: Proel (1927) e o póstumo O Galo (1928). A temática dos seus poemas vai estar centrada na paisaxe galega, sobre todo do rural e o campo; mais unha paisaxe con alma, humanizada. A súa obra vai máis aló da súa morte xa que, ademais de influír en moitos dos seus coetáneos, crea escola propia, caracterizada polo gusto da metáfora e do ritmo musical.
 

 

Añón Paz, Francisco (San Pedro de Outes, 1812- Madrid, 1878).

Pioneiro do Rexurdimento. A súa actividade política céntrase na participación na fracasada Revolución Galega contra Narváez en 1846, causa pola que debe fuxir a Portugal, de onde é expulsado en 1850. Posteriormente vai viaxar por Francia e Italia. De volta a Madrid, polo 1861, estudia xornalismo. Á súa morte, na extrema pobreza, foi enterrado nunha fosa común. Coma escritor, publica en galego, castelán e portugués. As súas obras están recollidas en tres publicacións: O himno dos povos (1846); A Galicia (1861) e Poesías varias (1878). En 1966, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
 

 

Blanco Amor, Eduardo (Ourense, 1897- Vigo, 1979).

Escritor e político. Dende moi novo vai escribir en xornais coma El diario de Ourense, mais en castelán. Entra en contacto coa cultura galega nas tertulias ourensáns que Vicente Risco e Otero Pedraio mantiñan con outros membros da intelectualidade. En 1919, Blanco Amor emigra a Arxentina, onde dous anos despois entra a colaborar na corrente nacionalista da Federación de Sociedades Galegas, pensando que a formación liberaría ós homes da opresión. Colabora posteriormente en diferentes revistas, coma Terra e Céltiga70, formando un tándem con Suárez Picallo, valéndolles o nome de "Os Céltigos". Este grupo propulsa unha actividade política e cultural galeguista de forte contido patriótico. En 1924 cofunda a Agrupación Artística Céltiga con outros escritores galeguistas coma Emilio Estévez ou Suárez Picallo, e ponse á fronte do xornal editado por esta agrupación, Galicia, de grande participación política na nova república. Polo 1933 volve a Galicia coma correspondente de La Nación e, entre outros, entra en contacto con García Lorca, a quen incita a escribir en galego. Tralo estalido da guerra civil, desenvolve unha intensa actividade xornalista en prol da causa republicana. Polo 1965 decide retornar definitivamente a Galicia. Coma escritor, destacan as seguintes obras en galego: Romances Galegos (1928); Poema en catro tempos (1931); en novela, A Esmorga (1959); Os Biosbardos (1964); ou Xente ao lonxe (1973). Blanco Amor supón un dos autores en lingua galega máis destacados no século XX.
 

 

Branco, Miguel

(Biografía descoñecida)

 

Blanco Torres, Roberto (Cuntis, 1880- Ourense, 1936).

Xornalista e poeta. Emigra a Cuba, onde entra no mundo da reivindicación galeguista e do agrarismo, baixo pseudónimo de Frai Roblanto, cubrindo a campaña propagandística de Basilio Álvarez. As súas crónicas van ser combativas, e nelas dará conta dos principais obxectivos e reivindicacións dos movementos rexionalista, galeguista e agrarista. Dirixe El Correo Ferrolano e á vez colabora con outras publicacións, como A Nosa Terra, ou Galicia Nova. Nos anos de República dirixe El País en Pontevedra, época na que máis fortemente se introduce na vida política. Coma cronista, publica en 1930, De esto y de lo otro; coma poeta, Orballo da media noite, en 1929, e dous poemas soltos, "Meus cabalos", publicado en Nós no 1930, e "A Manuel Antonio", publicado en A Nosa Terra nese mesmo ano.
 

 

Bouza Brey, Fermín (Pontevedra, 1901- Santiago de Compostela, 1973).

Ilustre persoeiro da cultura galega, cultiva diferentes campos. En prosa publica un único libro, Cabalgadas en Salnés en 1925. Coma ensaísta profunda no terreo científico cunha intensa actividade investigadora no que o seu continuo estímulo será Galicia. Coma poeta, publica Nao Senlleira (1933) e Seitura (1955). É un dos primeiros en profundar na poesía neotrobadoresca, centrándose na poesía galega medieval, sobre todo nas Cantigas de Amigo. A súa poesía é rica en vocabulario, cunha temática predominantemente melancólica.
 

 

Brañas, Alfredo (Carballo, 1859- Santiago de Compostela, 1900) .

Home polifacético que destacou sobre todo nos campos literario e político. Dentro deste último, cítase coma base para coñecer o seu pensamento e traxectoria, a obra El Regionalismo: estudio sociológico, histórico y literario, no 1889, que deu pé ó seu comezo no movemento rexionalista. No 1889 funda, xunto a persoeiros da época, coma Manuel Murguía, a Asociación Regionalista Gallega, co obxectivo de defender os intereses políticos de Galicia, ademais de recuperar a identidade política galega. No 1890 pronuncia por primeira vez un discurso íntegro en galego nunha homenaxe á súa honra en Santiago de Compostela, o que aproveita para defender a causa rexionalista; seguindo esta liña, defende a patria galega nos Xogos Florais de Tui de 1891. Por estes anos vai ser importante o seu labor propagandístico en xornais coma El Porvenir ou, máis tarde, El País Gallego e La Patria Gallega. En 1983 publica as Bases generales del regionalismo, mentres segue escribindo artigos en xornais en prol desta causa. Dentro do seu labor literario, cabe destacar os poemarios Borradores de versos (1881), La eternidad (1881), Valero entre los estudiantes (1885) ou o drama en verso El sueño de un loco (1898). Tamén poemas soltos, coma "Lamento" (1880), "Oda a don Pedro Calderón de la Barca" (1880), "O avellón" (1884), e os póstumos "Coma en Irlanda" e "Érguete e anda". Así mesmo, escribe Casta dos celtas: himno galego, musicado por Luís Taibo García. Logo da súa morte, vai ser inhumado ó carón de Rosalía de Castro nun panteón popular. No 1999, as súas obras completas son recollidas pola Fundación Alfredo Brañas.
 

 

Cabana, Darío Xohán (Cospeito, 1952).

Comeza a súa andaina literaria coma poeta, publicando libros coma Romanceiro da Terra Chá (1973); Ábrelle a porta ó día (1981); A fraga amurallada (1983); ou Amor e tempo liso (1988). Coma narrador publica Galván en Saor (1989); Fortunato de Trasmundi (1990); As aventuras de Breogán Folgueira (1990); O avión de Cangas (1992); Cándido Blanco (1992); Cabaleiro Negro (1992) e Vidas Senlleiras (1992). Tamén é coñecido na súa faceta de traductor de obras coma a Divina Comedia de Dante.
 

 

Cabanillas, Ramón (Cambados, 1976- 1959).

Poeta, narrador e dramaturgo, ten sido considerado o autor máis relevante das Irmandades da Fala. No 1910 emigra á capital cubana, e dende alí publica o seu primeiro libro, No desterro (1913) e, no 1915, Vento mareiro, ámbalas dúas obras cun profundo enxalzamento de Galicia. No 1917, xa en terras galegas, publica Da terra asoballada. Tres anos máis tarde ingresa na Real Academia Galega, aínda que a súa residencia estará en Madrid, onde comparte tertulias con representantes políticos e culturais do galeguismo, coma Castelao. A obra de Cabanillas bebe das influencias relixiosas franciscanas e do movemento agrarista de Acción Gallega. A súa temática reflicte unha profunda preocupación polo destino de Galicia e a inxustiza sufrida polo seu pobo. Para defender a identidade céltica da terra galega edita en 1926 Na noite estrelecida.
 

 

Casalderrei, Xan

(Biografía descoñecida)

 

Casas, Augusto (Ourense, 1906- Barcelona, 1973).

Escritor e avogado, residirá en Barcelona ata o seu falecemento. Dende moi novo, entra a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, ademais de colaborar con diferentes revistas e xornais. En 1926, cofunda a revista Galaxia. Pese a que comezou a escribir poesía en castelán, con obras coma Alma triste (1924), no 1926 inicia a súa carreira coma narrador en galego con Muiñada de estrelas. Posteriormente, publica os seguintes poemarios: O vento segrel (1932); Cantigas da noite moza (1950); Isa folla que vai polo río (1954); Alén (1962), con prólogo de Otero Pedraio; e Servidume da treva (1965). Coma ensaísta publica o artigo "Esquema da nova poesía galega" no 1935, na revista Nós.
 

 

Castelao, Alfonso Daniel Rodríguez (Rianxo, 1886- Boas Aires, 1950).

Político, escritor e debuxante. Coma político, a súa traxectoria converteuno na máxima figura do nacionalismo nos tempos da II República. Entre os seus méritos neste eido están: formar parte organizativa do Partido Galeguista polo 1931; formar parte da vida parlamentaria en Cortes do 1931 ó 1933; promover o Estatuto de Autonomía para Galicia pouco antes do estalido da guerra civil española; defensa da República fronte o alzamento fascista, tanto a través da palabra como dos seus Álbumes de guerra (compostos por Atila en Galicia no 1937, Galicia mártir en 1937 e Milicianos en 1938), que chegaron a todo o mundo (Cuba, Rusia, EEUU,...); mantemento da conciencia republicana na emigración e en contra do franquismo,... Coma debuxante, ademais do cargo de director artístico da revista Nós, debémoslle as seguintes obras: Álbum Nós (1919); Cousas da vida; Cincuenta homes por dez reás (1930); e os Dibuxos de negros. Coma ensaísta, mesturado coa súa faceta plástica, Diario (1921); As cruces de pedra na Bretaña (1934) e As cruces de pedra na Galiza (1934). En narrativa publicou Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922); Cousas I (1926); Cousas II (1929); Os dous de sempre (1934); Retrincos (1934). Coma escritor de pezas teatrais, Os vellos non deben de namorarse (1941), de onde se extrae o tan coñecido e musicado poema "Lela" (a continuación). Ademais, destaquemos o seu labor coma conferenciante, deixando o seu ideario nacionalista na obra Sempre en Galiza, de 1944.
 

 


Cela, Camilo José (Iria Flavia, 1916- 2002).

Cultiva a narrativa, a poesía, e incluso o teatro. A súa obra, case por completo en castelán, comeza coa novela La familia de Pascual Duarte en 1942. En 1951 publica La Colmena, en Bos Aires, por mor da censura en España. Posteriormente virían San Camilo, 1936 (1969); Mrs. Caldewell habla con su hijo (1953); Oficio de tinieblas (1973); e Cristo versus Arizona (1988). Tamén escribe dous libros de viaxes: Viaje a la Alcarria, en 1948, e Del miño al Bidasoa, en 1952. No ámbito poético publica Pisando la dudosa luz del día (1945), e en teatro, María Sabina (1970). Entre os premios recibidos, destacamos o Nobel de Literatura en 1989, e o Premio Cervantes, en 1995. Mais tamén hai un Cela en galego, idioma da infancia, que verte claras influencias da nosa paisaxe na súa obra, ademais dun castelán cheo de galeguismos pretendidos. Cabe destacar o seu labor en prol do galego cando, no 1968, subscribe con outros mil escritores, coma Uxío Novoneyra ou Fernández del Riego, un documento co fin de que se introducise a lingua galega no ensino oficial e a creación dun corpo de profesores de Lingua e Literatura Galegas. Ademais, autoriza a versión en galego, feita por Vicente Risco, de A familia de Pascual Duarte; apoia ás letras galegas dende a súa revista Papeles de Sons Armadans, e nela mesmo publica tres poemas seus en galego: "Canzón pra unha muller aldraxada polo tempo", "A unha rapariga garatuxeira, chamada Catuxa de Fiz", e "Romaxe da historia natural".
 

 

Crecente Vega, Xosé María (Castro de Rei, 1896- Segovia, 1948).

Poeta pertencente á xeración de 1925. Publica Codeseira en 1933 e Tibulo, Albio. Selección de Elegías, en 1977.
 

 

Cuña Novas, Manuel (Pontevedra, 1926- 1992).

Poeta incitador da Escola de Tebra, que colabora en diferentes revistas e xornais da súa época. Publica tres poemarios: Frauta na noite (1947), premiada no Centro Gallego de Bos Aires; Fabulario novo (1952), libro emblemático da mencionada Escola de Tebra; e Canto e fuga da irmandade sobro da terra e da morte (1977). En xeral, a súa poesía amosa unha temática intimista e angustiada, cun mundo irreal e subxectivo presidido pola dor, características básicas da escola á que pertencía.
 

 

Cunqueiro, Álvaro (Mondoñedo, 1912- 1981).

Novelista, poeta, autor teatral, xornalista, pensador e traductor, este escritor logra chegar á xente cunha obra rica, fresca, culta e elegante e temática variada. Entre as súas obras, podemos destacar en narrativa: Merlín e familia (1958), Crónicas de Sochantre (1959), Escola de menciñeiros (1960), Si o vello Simbad volvese ás illas (1962) ou Xente de aquí e de acolá (1964); en poesía: Mar ao norde (1932), Poemas do sí e do non (1933) ou Herba de aquí e acolá (1980); e, en teatro, O incerto señor Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), A noite vai coma un río (1960) e Palabras de vispera. A súa traxectoria viuse premiada con diferentes galardóns, coma o Premio Nadal en 1968.
 

 

Curros Enríquez, Manuel (Celanova, 1851- A Habana, 1908).

Poeta cívico e costumista que comeza exercendo coma xornalista político en Madrid. En 1877 gaña un premio literario en Ourense co poema "A virxe do Cristal", polo que foi procesado, tal e como contará logo nalgún que outro poema. A partir deste premio, vai catapultarse coma poeta en galego, logo de escribir varios versos en catalán. Marcha a Cuba, e alí segue exercendo coma xornalista. A súa consagración coma poeta chega con Aires da miña terra, en 1880. No 1888 publica o segundo volume, O divino sainete, en forma de sátira. A súa obra caracterízase pola preocupación social, mais tamén conta no seu haber con poemas intimistas e mesmo descritivos.
 

 

Díaz Jácome, Xosé (Mondoñedo, 1910 - A Coruña, 1998).

Xornalista e poeta. Comezou a publicar os seus primeiros versos ós dez anos, nun xornal local. Posteriormente, forma parte dun círculo literario vertebrado arredor de Álvaro Cunqueiro, de onde devén a súa influencia no uso da poesía neotrobadoresca. No 1939 ingresa coma xornalista en El Pensamiento Navarro, e logo en Pamplona dirixe a revista Albor, na que publicaban autores coma Blas de Otero. Tamén vai ser redactor- xefe de Faro de Vigo e director de La Voz de Asturias. Coma poeta en galego, publica Primeiras cantigas de amor (1936); Pombal (1963); e Muiño fidel (1983). A temática das súas obras ten un carácter sentimental, familiar e con pinceladas de realismo.
 

 

Dios Martínez, Manuel de (San Xes de Rabeda, 1930).

Musicólogo e poeta. A súa obra recóllese en dous poemarios, Sete poemas ouresáns, de 1992, e Ourense craro río verde val. Tanto os seus versos coma a súa composición musical atópanse editados en diferentes traballos discográficos de artistas galegos.
 

 

Fabeiro Gómez, Manuel (Muros, 1916- 1992).

Leva a cabo un intenso labor de investigación en temática histórica, folclórica, e filatélica. Nesta vía publica artigos en revistas especializadas e en xornais, ademais de publicar o Cancioneiro de Muros nos Cuadernos de Estudios Gallegos de 1958. Coma poeta, publica en 1951 o libro Follas dun arbre senlleiro, onde se comproba unha poesía popular de grande beleza musical e plástica e de temática sentimental. Ademais existen referencias sobre unha obra máis do autor, Cachamare de saudade, ó parecer premiada polo Centro Galego de Bos Aires, mais que fica desaparecida.
 

 

Fernan Pardo

(Biografía descoñecida)

 

Ferreira, Isaac (O Valadouro, 1946).

Isaac Pérez Blanco, como se chamaba realmente, escribe indistintamente en galego e castelán ata 1971, cando se inclina definitivamente polo galego. Escribe poemas e contos en revistas e xornais coma El Progreso, de Lugo. En 1998 publica, xunto a Manuel Lorenzo e Xesús Pisón, Contos do valadouro. Os seus poemas son musicados por moitos cantautores galegos de protesta, como Miro Casabella. En teatro publica once textos baixo o título de Sagrada Familia, no 2002.
 

 

Ferreiro, Celso Emilio (Celanova, 1912- Vigo, 1979).

Comeza a súa vida política nos anos 30, formando parte das Mocidades Galeguistas, e loitando posteriormente na guerra civil española. No 1964 ingresa na Unión do Pobo Galego, emigrando posteriormente a Venezuela. No campo literario, comeza colaborando no 1948 na fundación Benito Soto de poesía, onde publicaban escritores coma Luis Pimentel ou Manuel María. Comeza a publicar en castelán as obras poéticas Al aire de tu vuelo (1947) e Voz y Voto (1955). Así, obtivo o premio Álamo polo libro Antipoemas, traducido ó castelán pola prohibición, da censura franquista, de publicalo en galego. Acostúmase separar a súa obra poética en dúas temáticas: por unha banda, a social, criticando o réxime franquista, e denunciando os males dos traballadores e, en xeral, de todo o mundo obreiro; ataca o imperialismo, o racismo,... recorrendo moitas veces á sátira. Exemplos son Longa noite de pedra (1962); Viaxe ao país dos ananos (1968) onde demostra o seu desencanto coa emigración, e Cantigas de escarnio e maldicir. Por outra banda, a temática intimista, recollendo a soidade, o desacougo, o pesimismo, a nostalxia, e o amor. Aquí atopamos obras como O soño sulagado ou Onde o mundo se chama Celanova. Ademais desta obra poética, cabe destacar a súa obra narrativa cos títulos A fronteira infunda (1972) e A taberna do galo, ademais dunha biografía sobre Curros Enríquez, no 1954. Dende 1973 e ata a súa morte colabora coa prensa e participa en política, deixando inacabado o seu derradeiro traballo, O libro das homenaxes.

 


Fraga, Xosé

Escritor galego do que caben salientar dúas obras: Falando calado: escolma de poemas e artigos galegos e casteláns e mais unha muiñeira, de 1986; e Longa noite de ferro, de 1997.
 

 

Graña, Bernardino (Cangas do Morrazo, 1932).

Cofundador do grupo Brais Pinto de Madrid polos anos 50 e fundador da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que se convertería posteriormente no seu presidente. Coma escritor, cultiva diversos campos. En narrativa, publica o conto infantil O león e posteriormente O paxaro rebelde, premio O Facho 1969; e Fins do mundo, en 1974. En teatro, publica Vinte mil pesos crime (1962); Sinfarainín contra don Perfeuto (1975); e Os burros que comen ouro (1979), premio Abrente nese mesmo ano. Por último, coma poeta publica Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966); Non vexo Vigo nin Cangas (1975) e Se o noso amor e os peixes... (1980). Segundo diferentes críticos literarios, a súa poesía encádrase dentro do formal, con temática predominantemente mariñeira (ou alusiva ó mundo do mar).
 

 

Iglesias Alvariño, Aquilino (Lugo, 1909- Santiago de Compostela, 1961).

A súa obra céntrase na poesía, aínda que coma ensaísta escribe un libro sobre Noriega Varela e outro sobre Cabanillas. Teñamos en conta a influencia que este primeiro vai ter sobre a poesía de Iglesias Alvariño, sobre todo no seu primeiro libro, Señardá. O seu segundo libro vai levar o título de Corazón ao vento, mais a súa madurez coma escritor vai acadala unha vez rematada a Guerra Civil española, cando se instala en Santiago e colabora na creación dun diccionario galego. No 1947 publica Cómaros verdes, considerado o libro en galego máis importante daquela época. Posteriormente, publicará Nenias; Lanza de soledá e Leva o seu cantare. Débese notar na súa obra a preponderancia de lusismos, tanto dende o punto de vista lingüístico coma estilístico.
 

 

Lamas Carvajal, Valentín (Ourense, 1849- 1906).

Xornalista, poeta e prosista. Unha enfermidade ocular, que o deixou cego a moi temperá idade, non lle impediu ser considerado o xornalista galego máis importante do século XIX. Neste ámbito dirixe, sendo propietario, dos xornais El Heraldo Gallego, de Ourense; O Tío Marcos da Portela, integramente en galego; e El Eco de Ourense. Coma prosista publica Galleada. Tradiciós, costumes e contos da terriña (1887), e O catecismo do labrego (1889). En poesía publica algunha obra en castelán coma Desde la reja. Cantos de un loco (1878), dedicado á súa dona e con algún poema en galego. A súa obra poética en galego está recollida nos libros: Espiñas, follas e frores. Colección de versiños galegos. Ramiño primeiro; Dez cartas escritas pros galegos (1875); Espiñas, follas e frores. Colección de versiños gallegos. Ramiño segundo; Saudades gallegas (1880); e A musa das aldeas (1890).
 

 

Lorenzo Baleirón, Eusebio (A Coruña, 1962- 1986).

Na súa curta vida publicou un libro de narrativa, O libro das viaxes e dos soños, e tres poemarios: Os días olvidados, O corpo e as sombras e A morte presentida. A súa obra foi recoñecida con diferentes premios, coma o Celso Emilio Ferreiro de Santiago de Compostela, no ano 1984. Ademais, publicou ensaios na revista Grial. A poesía de Eusebio Lorenzo caracterízase pola traxedia contida e final presentido, mais tamén se intúe un vitalismo con reminiscencias platónicas e circularidade temporal. Nela cabe destacar as influencias de Mendiño e da poesía portuguesa.
 

 

Losada Diéguez, Antón (Borborás, 1884- Pontevedra, 1929).

Nacido no seo dunha familia da fidalguía e burguesía do Antigo Réxime, vai cultivarse nun entorno tradicionalista e católico, algo que o caracteriza durante toda a súa vida. Entra en contacto cos galegos comprometidos co agrarismo, polo 1910, en Madrid (Aurelio Ribalta, Lois Porteiro,...). Xunto a Vicente Risco e Noguerol, funda a revista Nós en 1920; preside a I Asamblea Nacionalista e, polo 1924, ingresa no Seminario de Estudios Galegos; tamén formará parte da Real Academia Galega e das Irmandades da Fala. Este persoeiro, crucial na historia política e cultural de Galicia, vai loitar por galeguizar tódolos campos da sociedade, dende o artístico ó deportivo.
 

 

Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2004) .

Comeza na chamada Escola de Tebra con volumes de poemas coma Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo cada intre (1952) ou Advento (1954). A súa obra móvese entre distintos rexistros, destacando o descriptivismo paisaxístico en Terra Cha (1954). A súa temática é tan numerosa coma variante, mais céntrase en Galicia, como se pode ver claramente en Poemas ó Outono (1977), sobre todo na reivindicación da conciencia social e loita en prol da lingua galega. Esta última temática vaina tratar de xeito máis determinante a partires de Cantos rodados pra alleados e colonizados (1976), e Poemas pra construir unha patria (1977), dous poemarios que non veñen senón a reforzar o compromiso nacionalista e patriótico a través da súa poesía. Posteriormente publica obras coma A luz resuscitada (1984); Compendio de orballos e incertezas (1991) ou Sonetos á casa de Hortas (1997). En teatro publica Auto do Taberneiro (1957); Auto do mariñeiro e Auto do labrego (1961). Pouco a pouco dáse conta da importancia do valor educativo da obra infantil en galego, mergullándose intensamente neste tipo de poesía e creación teatral a partires dos 60, con obras coma Os soños na gaiola, a quen Suso Vaamonde dedica un disco íntegro.
 

 

Méndez Ferrín, Xosé Luís (Ourense, 1938).

Novelista, poeta, dramaturgo, crítico literario e político. Formou parte de Brais Pinto. No ámbito político, bebe do nacionalismo radical dende neno. Funda no 1964 a Unión do Pobo Galego (UPG) e posteriormente Galicia Ceibe. O seu intenso labor político levouno ó cárcere. Coma escritor, cabe destacar o poemario Voce na néboa (1957), escrito cando contaba con dezasete anos, mais cunha madurez extraordinaria. En 1972 publica Antoloxía popular baixo pseudónimo de Heriberto Bens, obra reeditada en 1980 baixo o nome de Poesía enteira de Heriberto Bens, con fundas connotacións socio- políticas e na que se inclúe o seu poema "Sirventés pola destrucción de Occitania". En 1976 publica Con pólvora e magnolias, no 1982 O fin dun canto, e no 1994 Estirpe. Coma norma xeral, cabe destacar a temática de transfundo político e cultural coma forma de reivindicación da patria, e un saber facer que o converte en grande figura literaria actual.
 

 

Millán Picouto (Ourense, 1949).

Poeta e compositor de dramas musicais entre os que se destacan María Soliña e Prisciliano en Tréveris, este último de 1995. Ademais, é autor do Cancioneiro Coral Galego.
 

 

Neira Cruz, Xosé Antón (Santiago de Compostela, 1968).

Escritor e xornalista, traballou coma redactor da revista Tempos, e hoxe é responsable da colección Sete Mares, de Galaxia, ademais de dirixir a revista de literatura infantil e xuvenil Fadamorgana. Acadou numerosos premios dende a súa primeira obra, Ó outro lado do sumidoiro, co Premio Merlín 1988 (premio que repetiu no ano 2000 con As cousas claras). Co seu traballo pretende divulgar a lingua e literatura galegas entre os máis novos, con máis de dezaseis títulos publicados nesta liña. Entre eles, Melianio e os paxaros (1990); Os gatos de Venecia (1993); As porcas porquiñas (1997); Valdemuller (1998), condecorado co Premio Barco de Vapor, ó igual que Os ollos do tangaleirón (2000); O home máis rico do mundo,... Tamén publicou biografías de persoeiros ilustres coma Castelao, Rosalía de Castro ou Martín Códax baixo un toque ameno e imaxinativo.
 

 

Neira Vilas, Xosé (Vila de Cruces, 1928).

En 1949 emigra á Arxentina, fundando alí as Mocedades Galeguistas no 1953. No 1961 instálase en Cuba e comprométese coa revolución. Nos anos 90 volve a Galicia definitivamente. Coma narrador, as súas obras xiran arredor do mundo rural, a vivencia infantil e a emigración. Neste xénero publica Memorias dun neno labrego (1961), de grande éxito internacional; Xente no rodicio (1965); Camiño bretemoso (1967); Historias de emigrantes (1968); A muller de ferro (1969) Cartas a Lelo (1971); Remuíño de sombras (1973); Lar (1973); Aqueles anos do Moncho (1977); Querido Tomás (1980); Nai (1980); Pan (1986); e Tempo novo (1987) . É pioneiro na literatura infantil en galego, con obras coma O cabaliño de Buxo (1971); Espantallo amigo (1971); A marela Taravela (1976); De cando Suso foi carteiro (1988); Chegan forasteiros; e Contos vellos para rapaces novos (1983). En poesía, publica Dende lonxe (1960); e Inquedo latexar (1969), obras posteriormente recollidas, xunto a poemas inéditos, na obra Poesía recadada en 1994. A súa poesía é á par sinxela e comprometida, tocando diferente temática: emigración, morte, loita dos pobos, ademais da temática infantil.
 

 

Noriega Varela, Antonio (Mondoñedo, 1869- Viveiro, 1947).

Coñecido co nome de "Poeta da Montaña" polo seu canto á sinxeleza da vida campesiña e aldeá, o poeta loita por reivindicar o campo fronte o avance do que se dera en chamar progreso, a cidade. No ámbito político, desvincúlase claramente do galeguismo coma movemento, mais defende a popularización do idioma falado, máis aló de calquera postura ideolóxica, incluso lusista, pese a estar namorado da literatura portuguesa. A súa obra non sofre unha progresión temática profunda, bebendo sempre da sociedade inmediata, feito que el considera positivo coma galego e coma poeta. A súa andaina coma escritor comeza en 1895 cando obtén un premio pola súa composición De Ruada, de mans de persoeiros tales coma Manuel Murguía ou Eduardo Pondal. En 1904 publica Montañesas. Do achegamento ó modernismo, da man de Antón Billar Ponte, nacerán as súas poesías cívicas: "Acción galega"; "Pra os mozos"; "En boa hora"... En 1910 publícase a II Edición de Montañesas. En 1920, Vicente Risco, Antón Lousada Diéguez e Noguerol son os encargados de editar Do Ermo, reeditado posteriormente nos anos 1929 e 1946. Cabe destacar tamén o seu nomeamento en 1927 coma membro da Real Academia Galega, posto que ocupará en 1939, co fin de encher vacantes producidas pola Guerra Civil española.
 

 

Novoneyra, Uxío (O Courel, 1930- Santiago de Compostela, 1999).

Poeta considerado clave na literatura do século XX. Comeza a escribir en castelán, mais pronto o fai en galego, coa obra Os Eidos, vertebrada en dúas partes, unha primeira publicada en 1955 e unha segunda en 1974. A paisaxe na que o home se funde, e a idea da morte, son temáticas reiterativas na súa obra. Este paisaxismo vai converterse en reivindicación social e política máis pronunciada a partires dos anos 60, algo presente en poemas coma os que dedica á morte de dous obreiros na folga de 1972 en Ferrol, e que se constata nos seus últimos anos de vida, comprometido coa causa dos presos independentistas. Ó longo da súa traxectoria artística, van notarse na súa obra dúas influencias constantes e claras: a poesía tradicional galega e a lírica galego- portuguesa medieval.
 

 

Pimentel, Luis (Lugo, 1895- 1958).

Comeza a darse a coñecer coma escritor en colaboracións na revista Ronsel. En vida publica Triscos (1950), composto por oito poemas en galego. Postumamente publica Sombra do aire na herba (1959) e Barco de luces (1960), esta última na súa versión en castelán, xa que a versión en galego, entregada á editorial Nós, foi extraviada. Ademais, existe unha cuarta obra inédita, Cunetas. A súa poesía, desacougante e intimista, ofrece un contrapunto á poesía social tras a guerra civil española. A súa temática vai ir dende o provincialismo á denuncia da inxustiza social, pasando pola reflexión sobre o paso do tempo.
 

 

Pita, Emilio (A Coruña, 1909- 1981).

Poeta e músico que emigrou a Bos Aires de neno. Comezou a entrar en contacto cos membros da Federación de Sociedades Galegas, ideando xeitos de reivindicar o país galego. Na década dos 30 colabora con diferentes publicacións nacionalistas en Galicia, coma Nós en Santiago ou Yunque en Lugo. Coma poeta publicou Jacobusland (1942), con ilustracións de Castelao; Cantiga de nenos (1944); Os relembros; As cantigas (1959); O ronsel verdegal (1964); e Serán (1974). A súa poesía, de estructura moderna e con mensaxes patrióticas, consagrouno coma un dos poetas galegos máis importantes da emigración. Nas súas propias palabras, extraídas dunha entrevista na revista Galicia Emigrante, establecía: "Toda a miña poesía é froito dunha emoción e dun sentimento. Emoción e sentimento da miña Terra". Todo isto fíxoo merecente dun posto coma membro correspondente da Real Academia Galega. A súa outra faceta, a de músico, levouno a fundar o cuarteto Ultreya, co fin de difundir a música tradicional de Galicia.
 

 

Pozo Garza, Luz (Ribadeo, 1922).

Comeza a escribir as súas primeiras composicións en publicacións coma Poesía Española, Ínsula ou Vida Gallega. Cofundará a revista Nordés en 1975, unha das canles de expresión de poesía do momento. A súa primeira obra publicarase en 1949, baixo o título de Ánfora. Despois desta virán, entre outras, O paxaro na boca (1952); Últimas palabras/ Palabras derradeiras (1975); Concerto de outono (1981); Códice Calixtino (1986) e Prometo a flor do loto (1992), e o volume de crítica dedicado ó poeta Luis Pimentel, A bordo do barco sin luces. Obtivo diversos premios, coma o Tomás Barro de ensaio en 1990. Os seus logros foron recoñecidos cando entra a formar parte do consello directivo da Real Academia Galega no 1996, logo de ser membro correspondente da mesma dende 1950.
 

 

Rodríguez López, Manuel (Paradela, 1934- 1990).

Poeta e ensaísta. Trasládase moi novo a Barcelona e nos seus últimos anos volveu a terras lucenses. Publica unha serie de crónicas de grande interese humano recompiladas baixo o nome de Galegos en Catalunya (1983 e 1985) e, posteriormente na mesma liña, Viaxes con Ánxel Fole (1988). Tamén publica o libro de contos Reencontro coa aldea (1983). Pero a súa vocación máis profunda é a de poeta, legado composto polas seguintes obras: Poemas populares galegos; Saudade no bulleiro; e Soldada minima. A súa poesía, de gran musicalidade, pola que é frecuente letra de cancións, vaga arredor da nostalxia e a emigración cun transfundo claramente romántico.
 

 

Sigüenza, Xulio (1898- 1965).

Poeta que pertenceu á chamada Xeración de Vangardas. Publica unha única obra poética baixo o título Cantigas e verbas ao ar, en 1928, reeditada en 1957 baixo o nome de Verbas ao ar. Ademais publica diversos poemas e relatos breves en prensa.
 

 

Valle-Inclán, Ramón María del (Vilanova de Arousa, 1866- Santiago de Compostela, 1936).

Comeza a entrar en contacto co mundo literario no Madrid de 1890, onde publica distintos artigos xornalísticos. En 1892 saen á luz as súas primeiras narracións, de temática amorosa, e centradas na Galicia rural. Polo 1899 conságrase coa obra Sonatas, onde describe a un Don Juan que desenvolve as súas aventuras por diferentes lugares, entre eles Galicia. No 1906 estréase coma dramaturgo coa obra teatral El marqués de Bradomín, iniciando unha serie de produccións novelísticas teatrais centradas no mito celta. En 1921, dende México, escribe Tirano banderas, coma sátira do colonialismo español. Coas súas obras conseguiu introducir novas tendencias na literatura española, especialmente expresionistas. En galego tan só escribiu Cantiga de vellas, en 1910, mais Galicia ten unha constante presencia nas súas obras. Pola súa traxectoria, é considerado un dos escritores máis representativos de literatura castelá, tanto pola innovación que introducen as súas obras, coma polo resentimento social e a técnica esperpéntica introducida coa súa obra Luces de Bohemia.
 

Vázquez Pintor, Xosé (Melide, 1946).

Xornalista e escritor. Comeza dende moi novo na actividade literaria en prensa e radio. Cultiva predominantemente poesía, acadando numerosos premios. Neste eido publica Gándaras; Terra e pan; O espertar tamén é noso; e Ofidios de Diario. A temática e musicalidade dos seus poemas fixo que fosen cantados por diferentes artistas galegos. Coma dramaturgo, escribe A parroquia e A fraga encantada. A unión entre teatro e poesía materialízase no libro de versos Mimo son e pantomima. En narrativa publica o libro de relatos De ida y vuelta.

Vázquez, Dora (Ourense, 1913).

Escritora centrada sobre todo no público infantil e xuvenil, que comeza colaborando en programas de radio coma Sempre en Galicia, e a escribir as súas obras en publicacións coma La Noche, Céltiga, ademais de relatos en Escuela Española. A súa obra componse de varios artigos xornalísticos, poemas, ensaios, contos infantís, novela e teatro. Destaquemos Oriolos Neneiros (1975) escrito en Venezuela coa súa irmá Pura; e o poemario Irmá, de 1979.

 

Vázquez, Pura (Ourense, 1918).

Poetisa que comeza os seus traballos en publicacións coma Galicia, La Noche ou La Voz de Galicia. O seu primeiro libro edítase en África baixo o título Peregrino de amor. Posteriores serán obras poéticas coma Íntimas (1952); Maturalidade (1955); A saudade e outros problemas (1968); O desacougo (1971); Verbas na edra do vento (1992); Zodíaco (1992); Man que escribiu no mar (1993); Si digo Ourense (1994); A idade dos mansíos me dobrega (1994) ou Orballa en tempo lento (1995). Ademais, publica outros poemas coa súa irmá Dora nos libros Monicreques, Fantasías infantiles e Ronseles. A súa poesía acostuma ser intimista, con temática amorosa e unha certa nostalxia centrada na paisaxe.

Zapata, Antón (Laxe, 1886- Bos Aires, 1953).

Poeta emigrado, na súa xuventude, a Bos Aires, onde residirá ata a súa morte. Publica poemas e artigos de temática galega nos principais xornais desta cidade arxentina. Membro da Sociedad Protectora do Seminario de Estudios Galegos de Compostela, publica, coma resultado dunha conferencia, Eduardo Pondal. Alma, sentimento e libertá da terra galega, en 1930. O mesmo ano do seu pasamento, sae á luz unha recompilación das súas poesías baixo o título A roseira da sociedade, con prólogo de Otero Pedraio. Na opinión de Carballo Calero, o verso de Zapata maniféstase, con influencia pondaliana, dentro da tendencia moderada modernista.