Logo

UNHA VIDA EN PROL DA LOITA

Letras que amosan ANGUSTIA E DOR PERSOAL, coma unha retrospectiva ó interior de cadaquén, deixando aflorar os sentimentos máis puros:

* *


AUTOR: Álvarez Blázquez, Xosé María ________________________________________________________________________

" Comentario: A continuación, o mar e os seus perigos coma síntoma de angustia, cun mariñeiro e o apóstolo Santiago coma protagonistas:

ROMANCE DO PESCADOR PELERIÑO
(Disco: Santiago, mar de pedra)


Andivo todos os mares
Baixo o corazón da vela.

Mariñeiro era por gala
Dos mariñeiros da terra,
Pescador nas outas augas
Onde aboian as estrelas,
Atal que brancas alfoias
Para enfeitar ás sereas.

El navegar navegaba
Unha dorna mariñeira;

Nos ollos sempre un relanzo
De escumas cantaroleiras;
No corazón ¡ai Díos Santo!
No corazón unha arela.
(El gobernar, gobernaba
unha dorna mariñeira).

Ninguén escoitou a boce,
Acolá na noite pecha,

Co mar bruando arredor
Ladaíñas agoirentas:
¡Líbrame, Señor Santiago,
pescador da Galilea;
meu Santiago, navegante
en branca dorna de pedra!

Si me librares, Señor,
Irei verte a Compostela

Descalciño dos dous pes,
No meu peito unha vieira.
Escoitar, ben o escoitara
Santiago feito de pedra.
Si me librares, Señor,
Irei verte a Compostela.

Velaí vai o peleriño
Polas valgadas da terra;

Sobor das cangadas costas
A crus de remos lle beila.
Nos ollos sempre un relanzo
De escumas cantaroleiras;
No corazón ¡ai Díos Santo!
No corazón unha arela.

* *


AUTOR: Álvarez Torneiro, Manuel __________________________________________________________________________

" Comentario: A dor que produce comprobar que, por moito que un o intenta, non é quen de saír adiante:


CO PAN DE CADA DIA
(Disco: Loitando)


Cando parto iste pan
Póñome triste
Porque iste pan é todo
O que agora teño,
Porque iste pan tan pouco
É tan cativo
Costoume moito lombo
Costoume retorcerme
I esnaquizar os dentes na sonrisa.

Porque movín o sangue tan depresa
Tan a carón do peito
Que xa me atopo canso nos almorzos.

Porque xa veño canso da costume
Canso de dar as mans
E dar as verbas
Canso de dar camisa e pensamento.

Porque xa non
Me chega iste codelo
Porque xa vou
Cavilando no mais mouro
Porque logo me durmo e non me salvo
E tamén por vosoutros
Compañeiros.

* *


AUTOR: Blanco Torres, Roberto ____________________________________________________________________________

" Comentario: Con certo mal sabor de boca e mesmo resentimento, desfanse as lendas sobre este astro:

 

COUSAS DA LÚA
(Disco: Cousas da lúa)

A lúa, na carballeira,
bota a deitar leopardos,
e faise espello nos teitos
para que se miren os gatos.

É un retórico mentir
o mentir dos poetas:
nunca na vida a lúa
vomitou unha estrela.

Proxeneta baquiana,
disponlles a modo o leito,
e, limpándose as fazulas,
chosca un ollo por adentro.

Nemigas dende o orige,
a lúa, boca famenta,
anda tola a perseguilas
e pol-o medo escorréntaas.

* *


AUTOR: Fernán Pardo _____________________________________________________________________________________

TEMPOS E TEMPOS
(Disco: Limiar)
O que vai dun ano a outro
miña nai,
de ter cartos a non telos
o que vai.

Cando estábamos do Conde
no lugar
ainda o noso ben vivia
probe pai.

Xan de Choupas o do vello
Castañal
me falaba a min de cote
que falar.

Mais morreu meu pai
quedamos sin lugar
i os amores non volveron
nunca mais.

* *


AUTOR: Lorenzo Baleirón, Eusebio _________________________________________________________________________

" Comentario: Chegará o día no que as cousas cambien, mais pode que sexa tarde:

 

MENCER EN COMPOSTELA
(Disco: Santiago, mar de pedra)

Ao lombo dun poldro de néboa vai chegar o día
Incendiando as campías coa súa luz de soño
E diranos da auga como dorme nas canles
E perderase ledo nas antergas árbores.

Nos xardíns, como sempre, xermolarán os lirios
E todo será entón imaxe da memoria.
Xa vai chegar o día a cabalo dun poldro
Para recubrir as lousas e abanar recordos.

E falarei con vós e con todo o que viva
Das múltiples presencias
Que quedan en nós mesmos
E xuntaría forzas para inventar agora
Fervenzas de ilusión con que vestirme os ollos...
Que vai chegar o día a cabalo dun poldro
E tan só do meu corpo poderán quedar sombras.

* *

AUTOR: Rodríguez López, Manuel ___________________________________________________________________________


" Comentario: A reacción máis simple e sincera dun neno ante a nai morta, sentimento similar do patriota que ve asoballada a súa terra:

 

QUE TEN O MENIÑO
(Discos: Nin rosmar un laído/ Lembranzas)

¿Que ten o meniño
que sen parar chora,
coas maus na cariña
de pé xunto a porta?

¿Pegoulle algún neno
pra quitarlle as bolas?
¿Quizais lle mordeue
o can a pelota?

¿Que ten o meniño
que sin parar chora?

Cediño moi cedo,
na cara bicouna
pero a mai calada
non daba resposta.

Seus ollos pechados
sen cor a boca
as meixelas brancas
frías como a lousa.

¿Que ten o meniño
que sen parar chora?

O neno moi cedo
na cara bicouna
a nai dormidiña
non daba resposta.

¿Que ten o meniño
que sen parar chora?